Os Primeiros Auxilios Psicolóxicos (PAP) ofrecen pautas básicas para acompañar a persoas que atravesan situacións de crise ou acontecementos de grande impacto emocional, como accidentes, perdas inesperadas ou comunicacións de malas noticias.
Esta actividade formativa, organizada pola Escola Galega de Saúde Pública, está dirixida ao persoal da Dirección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, con independencia da súa categoría profesional ou formación sanitaria.
A través dunha metodoloxía participativa e teórico-práctica, abordaranse as reaccións emocionais máis habituais ante situacións críticas e as principais ferramentas para ofrecer unha primeira resposta de apoio, seguridade, escoita e acompañamento, respectando sempre os límites da axuda non especializada.
A formación permitirá tamén coñecer o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias de Galicia (GIPCE) e identificar cando é necesario solicitar apoio profesional especializado.
Obxectivo xeral
Proporcionar coñecementos e ferramentas básicas de Primeiros Auxilios Psicolóxicos para recoñecer as reaccións habituais ante acontecementos de grande impacto emocional e ofrecer unha primeira resposta de apoio, seguridade e acompañamento.
Obxectivos específicos
Ao finalizar a actividade, as persoas participantes serán capaces de:
- Comprender que son os Primeiros Auxilios Psicolóxicos e para que serven.
- Identificar reaccións emocionais, cognitivas e físicas habituais ante situacións críticas.
- Aplicar pautas básicas de seguridade, presenza, escoita e acompañamento.
- Recoñecer expresións e actuacións que cómpre evitar.
- Coñecer pautas básicas de comunicación en situacións difíciles.
- Identificar cando é necesario solicitar axuda especializada.
- Duración da actividade: 2 horas (120 minutos).
- Modalidade: Presencial, teórico-práctica.
- Persoas destinatarias: Persoal da Dirección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, con independencia da súa categoría profesional ou formación.
- Docente: Elsa Rodríguez Viña, psicóloga sanitaria, colexiada G-3887, membro do GIPCE-112.
- Entidade organizadora: Escola Galega de Saúde Pública.
Inscripción e selección de participantes
A inscrición na actividade formativa realizarase a través da plataforma de formación do Servizo Galego de Saúde, mediante a ligazón que figura a continuación.
As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar o número de prazas dispoñibles.
Programa
Bloque 1. Introdución aos Primeiros Auxilios Psicolóxicos e coñecemento do GIPCE (20 minutos)
Concepto, obxectivos e utilidade dos Primeiros Auxilios Psicolóxicos (PAP). Presentación do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias de Galicia (GIPCE).
Bloque 2. Impacto psicolóxico dos acontecementos críticos (25 minutos)
Reaccións emocionais habituais ante situacións críticas, estrés agudo e diferenzas co trastorno por estrés postraumático (TEPT).
Bloque 3. Como ofrecer Primeiros Auxilios Psicolóxicos (35 minutos)
Seguridade, presenza, escoita, acompañamento e actuacións que cómpre evitar.
Bloque 4. Comunicación e acompañamento en situacións difíciles (20 minutos)
Comunicación de información difícil, reaccións emocionais e atención ás necesidades individuais.
Bloque 5. Aplicación práctica e conclusións (20 minutos)
Análise de situacións prácticas, reflexión sobre as respostas de apoio e conclusións.